Fructosa

honey-2045580_1920

Fai uns cantos anos as graxas eran  consideradas as culpables dos males na dieta occidental. Hoxe en día fixámonos máis no azucre. Segundo a OMS, tanto para os adultos como para os nenos, o consumo de azucres libres deberíase reducir a menos do 10% da inxesta calórica total. Unha redución por debaixo do 5% da inxesta calórica total produciría beneficios adicionais para a saúde. OMS

É por esta razón que tratamos de buscar substitutos, moitas veces deixándonos convencer por reclamos como: “natural”. Comidista

Hidratos de carbono:

Os azucres forman parte dos hidratos de carbono ou carbohidratos, un dos macronutrientes básicos, xunto coas proteínas e as graxas. Polo nome de azucre común ou de mesa, coñecemos á sacarosa, ou sucrosa, que está composto por unha molécula de glucosa e unha de frutosa (dous moléculas = disacárido).

O monosacárido (unha molécula), máis importante para o corpo humano é a glucosa, por ser a fonte de enerxía preferida.

Frutosa:

A frutosa é outro monosacárido, presente en froitas e verduras, que é metabolizado soamente polo fígado, ao contrario da glucosa que pode metabolizar calquera célula do corpo. Non necesita insulina para o seu procesamento. Isto, que nun principio pode parecer bo, sobre todo se se padece de diabetes, ten o seu punto negativo.

Como a frutosa non estimula a produción de insulina, e aumenta a de grelina (outra hormona moi implicada no metabolismo dixestivo, ao regular a sensación de apetito), non fai que teñamos a mesma sensación de saciedade.

Agave Bouteloua

Segundo o dicionario da RAG o agave é una planta da familia das amarilidáceas, orixinaria de México, de grandes follas, ríxidas e carnosas, das que parte un caule alto que leva na punta as flores, e da que existen varias especies. Das follas do agave extráense fibras téxtiles. RAG

O xarope de agave, tamén coñecido como néctar ou mel de agave extráese das follas desta planta, que ten unha aparencia similar a planta do Áloe. Directo al paladar

Despois dun proceso de procesado e refinado, no que os frutanos descompóñense en azucre simple, filtrase e concentrase mediante calor, é cando obtemos o xarope. Como en calquera proceso de refinamento, isto fai que perda case todas as propiedades da planta orixinal.

Este xarope está composto por un 70% frutosa  (pode ter máis), e un 25% glucosa. É unhas catro veces máis doce que o azucre común e tamén ten máis Calorías.

Posúe un baixo índice glicémico, debido a que case todo é frutosa. O índice glicémico, dito de forma moi resumida, é unha medida que nos da a rapidez coa que un alimento “sube o azucre en sangue”. Esta é a razón pola cal, moitos edulcorantes a base de frutosa comercialízanse como “saudables” ou “aptos para diabéticos”.

No contexto da nosa “dieta occidental” alta en Calorías e hidratos de carbono, engadir frutosa á suma, podería resultar canto menos problemático. Pode ocorrer que sobrecarguemos ao fígado, que transforma frutosa en graxa, co conseguinte aumento dos triglicéridos (fígado graxo). Pubmed E acabemos aumentando o número de enfermos de diabetes e síndrome metabólico. PMC

Ollo: inxerir frutosa dentro da propia peza da froita enteira, non é o mesmo que facelo fora da súa matriz. Polo tanto #comeFroita sen medo

Bibliografía

Bouteloua. (s.f.). Obtenido de http://floramontiberica.org/Bouteloua/MonogBouteloua_03_Agave.pdf

Comidista. (s.f.). Obtenido de https://elcomidista.elpais.com/elcomidista/2016/02/25/articulo/1456400448_908284.html

Directo al paladar. (s.f.). Obtenido de https://www.directoalpaladar.com/ingredientes-y-alimentos/que-es-el-sirope-de-agave-origen-y-sus-usos-en-la-cocina

OMS. (s.f.). Obtenido de https://www.who.int/nutrition/publications/guidelines/sugar_intake_information_note_es.pdf

PMC. (s.f.). Obtenido de https://www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC2714385/

Pubmed. (s.f.). Obtenido de https://www.ncbi.nlm.nih.gov/pubmed/15181085

RAG. (s.f.). Obtenido de https://academia.gal/dicionario/-/termo/busca/agave.